top of page

O pan como elemento de reunión

A maxia que agocha a broa entre os seus ingredientes

Dende a recollida das semellas de millo ata a súa posta en escena nos fogares, a broa é un elemento esencial nas mesas familiares. A súa elaboración é capaz de xuntar a toda unha aldea para preparalo. É por iso que o pan de millo agarda, nas súas migas, un chisco de felicidade, amor e unión.

O pan é a base de alimentación de moitas culturas, ao tratarse dunha clara herdanza da Antigüidade grecolatina. A súa importancia ven determinada polo seu valor simbólico no nacemento da relixión católica, no momento no que participa no ritual da eucarística como símbolo o corpo de Cristo.

O papel central do millo protagonízao a sociedade rural xa que, antigamente, facíase un proceso agrario de longa tradición. Durante a súa sementeira, practicada nos meses de abril e maio, os homes pasaban as mulleres polo arado: agarraban ás mozas pola cintura á forza e pasábalas por encima do apeiro. Esta costume estaba relacionada coa fecundidade e tiña una intención humorística, pois tratábase, máis ben, dunha broma picante.

A colleita do millo ten lugar nos meses de outono. Nin a fría entrada do inverno podía romper o vínculo rural que reclamaba o súa preparación. Todas as noites, os máis vellos esfollaban os coscos do millo. Aínda que non era, nin moito menos, unha tarefa aburrida. Ó remate da esfolla, as familias ricas gratificaban a labor dos mozos con viño, comida e música.

Tralo paso da masa mulida polo muíño, as mulleres poñían fariña na artesa e amasaban cas mans. Mentres, o home alimenta o forno con leña, unha madeira que eles mesmos cortaban no monte.

Os fornos adoitaban ser comunais, é dicir, dispoñibles para todos os residentes das vilas e as aldeas. Era, así, unha ferramenta máis de reunión entre os veciños das parroquias. Empregábano á rolda entre todos. Cando varias persoas o usaban, poñían unha marca en cada peza de pan.

Tras quentar, a muller dálle a forma de bola que caracteriza a broa: redonda e de pouca espesura. Logo, só era cuestión de esperar a hora de poder desfrutalo na mesa.

Na actualidade, estas prácticas seguen facéndose nas aldeas pequenas, aínda que os roles xa non son tan estritos. Non obstante, os costumes nunca cambian. Cada domingo, tras unha dura semana de traballo na metrópole, o pan de millo na mesa da aldea nunca falta. É que a broa, cando se elabora con felicidade e amor, consagra a unión.

bottom of page