top of page

PAN NA CASA

broa conserva unha significación especial na memoria dos nos anciáns. Tanto a súa utilidade como a elaboración mudaron co paso do tempo. 

 A importancia do pan como sustento alimenticio de moitas casas no pasado é un feito innegable e parte inherente da nosa historia. En épocas de recesión, de escaseza produtiva, de pobreza e miseria, o cereal instalouse nos comedores das vivendas galegas como o principal e (en moitos casos) único prato das familias. Porén, non é difícil crer que na memoria dalgún veterano aínda perduran lembranzas nas que o noso protagonista xogaba un papel esencial. Vital.

José Vázquez Mato (Vila de Cruces, 1929) é un deles. Nado en Piloño (pequena aldea duns 300 habitantes a medio camiño entre Santiago de Compostela e Lalín) coñece de primeira man a importancia do millo e, polo tanto, do pan que este produce. Con enerxía, achegounos un pretérito indixente e pouco ilusionante, antagónico da realidade actual, onde a abundancia alimenticia era substituída por unha carencia de angustia. Cada día, cada xornada, configurábase como unha proba de ferro para moitas casas da zona, lembraba. A súa, por fortuna, non era unha delas. A inmensidade dun pasado terratenente aínda perdura na Casa de Galatán, unha construción de finais do 1700 reformada xeración tras xeración na que o paso do tempo é máis que evidente. Mais por aquel entón poucos podían permitirse o “luxo” de prescindir do cereal como alimento. Ningunha familia desbotaba os beneficios de facer broa na casa. Era, como se di, o “pan de cada día”.  Pepe de Galatán non é a excepción. Á pregunta de por que xa non se produce broa da casa responde con firmeza: “O mundo non é o de antes, agora non hai necesidade diso. Antes había que comer pan de millo á forza porque senón non tiñas que comer. O trigo tiñas que vendelo para pagar a contribución, os gastos da casa, os impostos... Senón comías pan de millo morrías coa fame”.  A concepción do alimento e a súa magnitude social mudaron por completo. Iso seguro.

Hórrreo da Casa de Galatán

Coma un cativo afamado, degusta co maxín os sabores de cada unha das broas do lugar. Como dixemos, non había familia na que este pan non tivera presenza. En palabras do mesmo: “Sabías como se comía en cada casa. Na casa de Joaquín facían un pan que sabía a rosquillas. Noutras botábanlle centeo e sabía agrio. Había outras nas que non peneiraban mal a fariña e sabía áspero. Cada unha tiña o seu” sentenciaba.

Comíase con todo. Con todas as comidas. Sen excepción. Dende que “os rapaces chegaban da escola e xa collían algo de pan da artesa. E amañaban con iso” ata a fin da xornada.

Mais a realidade do rural e das urbes era ben distinta. E como todo, tiña unha explicación: “Nas cidades había menos pan, polo racionamento. Pero ao labrador non o daban controlado, eran incapaces”. Os pagos aos “recadadores que, como Rafael, tantos cartos fixeron” en materia de millo, fabas, patacas e centeo limitaban e racionaban o consumo da broa. Jose Vázquez así o confirmaba: “do que colleitabas, había unha cota que servía de contribución ao Estado”. Eran tempos complexos.

O trigo vendíase e o millo cultivábase, esa era a dinámica. Unha ecuación ben sinxela que tiña como solución manterse con vida. Ou, polo menos, loitar por ela.

"Se non comías pan de millo, morrías coa fame"

-Pepe de Galatán

bottom of page