top of page
O millo a través do tempo

Evolución

Hai teorías de que Colón era galego. Non imos a entrar en se isto é certo ou non. Pero o que é seguro que eses barcos que chegaron a América, volveron nas súas bodegas cheos de moitas cousas, entre elas o millo, algo que xa podemos chamar, “Do país”. Curiosamente o primeiro lugar de Europa onde se probou o millo foi Baiona. A carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, arribou no porto galego o 1 de marzo de 1493 converténdoa na primeira vila en saber que o fin do mundo non estaba en Fisterra.

 

Pero o millo pasou desapercibido en Galicia e en España durante case dous séculos. Non competía co cereal máis empregado que era o chamado “millo miúdo”, que proviña de Asia pero que xa fora domesticado polos pobos prerromanos. Pero eses case 7000 anos de protagonismo na nosa terra foron substituídos rapidamente polo millo a finais do século XVI. Esa data é na que o cereal americano chega a Península co obxectivo de ser cultivado, en pouco tempo aumentan o número de cultivos e comeza a xurdir toda unha estrutura ao seu redor. Da necesidade de almacenar as grandes colleitas, xurdiu a construción dos hórreos, tan comúns na paisaxe galega. Mesmo a elaboración de produtos co millo ten a esencia de Galicia, pois aquí comeza a tradición de elaborar o noso “pan de millo” en fornos de pedra, de herdanza castrense. E non só na dieta, incluso os xogos dos máis pequenos mudaron para adoptar este cereal como un elemento máis do seu tempo de ocio. A escopeta de millo, os trompos de carozo ou o estraloque convertéronse en xoguetes habituais entre os cativos e cativas galegas.

É importante indicar que xunto ao millo introduciuse tamén a pataca. Xuntos renovaron o sistema agrario galego, cunha mellora da produción de alimentos que derivou nun aumento da poboación . Rapidamente fixouse un ciclo normal para cultivar o millo en Galicia. Os traballos comezaban en abril ou maio coa sementeira, era unha labor en equipo de muller e home, este dirixía o arado tirado polo gando para remover a terra, mentres que a muller espallaba a semente. Unha terceira persoa facía os sucos que servirían de fogar para o millo. Co remate da sementeira pasábase á grade (instrumento agrario tradicional), e con ela desfacíanse os terróns de terra para que a semente puidera xerminar sen ningún problema. En xuño e xullo quitábanse as malas herbas. E en agosto xa se podían cortar as candeas que se usaban como alimento para o gando. Este tempo tamén era no que se colocaban os famosos espantallos. A finais do mes e no comezo de setembro, os membros da casa realizaban a seitura que se podía facer de dúas maneiras: cortando as plantas enteiras cos fouciños, ou recollendo só as espigas; deixando os talos no campo como esterco. Á colleita seguíalle a esfolla, para elo xuntábanse mozas e mozos que ían sacando man a man as follas que rodeaban a mazaroca. As espigas separábanse segundo as cores, e as negras ou moradas, por seren máis escasas, eran chamadas raíñas. Logo almacenábanse ben no hórreo, e despois de limpalo gardábase nas arcas ata a hora de levalo a moer ou de darllo as galiñas.

Durante os duros anos da Guerra Civil e da posguerra, cando a fame era unha sensación habitual entre os galegos, o millo pasou a ser, gracias á súa ductilidade, a base da alimentación xunto á pataca. O seu gran pódese empregar de moi diversas formas, maduro ou leitoso, de calquera das súas cores ou tipos e en diferentes receitas. Os derivados da súa fariña son os máis habituais na gastronomía galega, destacando o pan, as papas ou a empanada, sendo estas só algunhas das moitas posibilidades que da o seu uso.

bottom of page